Tres de cada catro incendios (o 75 por cento) rexistrados en Galicia en 2016 foron intencionados, unha porcentaxe superior en máis de dez puntos á media estatal, e en 2016 a intencionalidade situouse por encima do 73 por cento. No que vai de ano, ademais, a comunidade superou as 20.000 hectáreas queimadas (20.347), máis de 9.000 de monte arborizado.


Na análise de lumes da última década, constátase tamén que o 30 por cento iniciáronse de noite, un 8 por cento empezou con máis dun foco de forma simultánea, e que o 14 por cento dos incendios concéntranse nas 67 parroquias coñecidas como de alta actividade incendiaria, a pesar de supoñer só o 3,6 por cento da superficie de Galicia.


Son os datos que se desprenden dun informe analizado este xoves polo Consello da Xunta, dos que se fixo eco o presidente galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, quen subliñou que en Galicia hai "unha maior intencionalidade e actividade delituosa". "Esta é a crónica", subliñou, aínda que falta pescudar as causas.


Respecto diso, apuntou que os datos deste informe serán trasladados "á comisión que estuda os incendios, xuíces, fiscais e autoridades" para contrastar a súa experiencia e tratar de "construír as causas" para poder mellorar a actuación.


Ademais, subliñou que neste ano, a Garda Civil, os Axentes Medioambientais e a Policía Autonómica investigaron na comunidade a 68 persoas pola presunta autoría de 114 lumes forestais.


"DIFICULTADES DE PORTUGAL"


En canto ao último balance do que vai de 2016, a pesar de "superar" as 20.000 hectáreas, subliñou que houbo un menor número de lumes.


Tamén incidiu en que Galicia viviu "o verán máis seco desde que hai rexistros" e apuntou como problema engadido que Portugal tivo "dificultades" para controlar algúns incendios dos que afectaban o seu territorio e acabaron afectando á comunidade.


ACTUACIÓNS DE RECUPERACIÓN


Por outra banda, o informe resume tamén a situación das actuacións que se están desenvolvendo para recuperar os terreos queimados polos incendios do pasado verán nos 12 incendios máis importantes nos que houbo que decretar a situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación.


Destes incendios, seis rexistráronse en Ourense --Avión, Boborás, Entrimo, Melón, Monterrei e Muíños--; cinco en Pontevedra --Arbo e As Neves, Caldas de Reis, Catoira, Cotobade, Redondela e Soutomaior-- ; e un na Coruña (Porto do Son). 


As actuacións céntranse na restauración e consolidación dos terreos con tratamentos para evitar a erosión: labores de repartición de palla sobre o terreo queimado, traballos de recuperación de infraestruturas, control de riscos hidrolóxicos erosivos, eliminación de madeira queimada, e accións de rexeneración da vexetación afectada.


Ata o momento, xa se actuou con técnicas de repartición de palla en máis de 95 hectáreas, colocáronse máis de tres quilómetros de barreiras filtrantes para evitar arrastres aos ríos e ao mar, limpáronse uns 20 quilómetros de pistas e iniciouse a reparación de máis de 16 quilómetros de infraestruturas.

POWERED BY BIGPRESS