O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, saíu este mércores en defensa do líder socialista, Pedro Sánchez, e tachou de "fraude" a estratexia emprendida polos críticos do PSOE que busca facerlle caer "con dimisións" de membros da Executiva.
"Teño moitas diferenzas con Sánchez pero pretender facer caer a un secretario xeral, elixido polas bases, con dimisións é un fraude", asegurou o líder da formación morada nunha mensaxe difundida a través da súa conta de Twitter.
Así o asegurou minutos despois de coñecerse que os críticos con Sánchez presentaron esta tarde en Ferraz a dimisión de 17 membros da Comisión Executiva Federal do partido co obxectivo de precipitar a disolución deste órgano e a caída do secretario xeral socialista.
Pola súa banda, o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, avisou de que "os que queren tombar a Sánchez son os mesmos que queren investir a Rajoy". "Aínda que só sexa por iso, espero que fracasen", manifestou tamén nunha mensaxe na rede social Twitter.