Rescatados os cinco tripulantes do pesqueiro ‘Segundo Durán’ que afundiu en Ribeira
martes, 9 de agosto de 2016, 11:42
Despois de recibir o aviso doutro pesqueiro que avistara unha bengala, e a alerta da radiobaliza do propio ‘Segundo Durán’, Salvamento Marítimo enviou un helicóptero e unha embarcación cara ao lugar dos feitos.
Non foron necesarios os medios de Salvamento Marítimo xa que outra embarcación, o pesqueiro ‘Sempre Galaico’ chegou ao lugar dos feitos e rescatou ilesos aos cinco tripulantes do ‘Segundo Durán’.
Ata o porto de Cambados desprazouse unha ambulancia para valorar o estado dos tripulantes, que non precisaron asistencia sanitaria.
Segundo informacións de última hora, o armador do pesqueiro ‘Segundo Durán’ acaba de contratar os servizos dunha empresa para tentar levar a cabo as tarefas de reflotamento da embarcación.