Imaxe do hospital de Ourense.
O barrio ourensán das Lagoas viviu durante a tarde deste luns momentos de tensión despois de que un veciño da rúa Bernardo González Cachamuíña se atrincheirase armado no seu domicilio e ameazase con se disparar. Tras 12 horas de peche, o home realizou un disparo accidental que levou ao desenlace da situación e ao seu traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde permanece ingresado.
Segundo fontes próximas á investigación, o home, duns 60 anos, atrincheirouse sobre as 16,00 horas no seu domicilio cunha arma, coa que ameazaba con dispararse se non conseguía ver a súa parella, coa que mantivera unha discusión.
Efectivos de Policía Nacional, co seu equipo de mediadores, e da Policía Local, interviñeron no dispositivo para tentar que o home desistise nas súas intencións. Tamén foi mobilizada ata a zona unha ambulancia do 061.
Dada a expectación xerada e para garantir a seguridade das persoas, os corpos de seguridade restrinxiron o acceso ao edificio onde se atopaba e pediron precaución para circular pola zona.
Ao redor das 4,00 horas da madrugada, tras 12 horas atrincheirado, o home realizou un disparo accidental. A bala entroulle pola boca e saíulle polo nariz. O disparo que precipitou a intervención dos axentes e da ambulancia, que o traladó ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde permanece ingresado sen que se tema pola súa vida.