Compromiso por Galicia irá pola súa conta nas próximas eleccións galegas, presentando unha candidatura en solitario en lugar de apostar por unirse á confluencia de En Marea.
A decisión foi tomada este domingo na Convención Nacional do partido celebrada en Teo, co apoio directo do 71% dos mlitantes do partido, fronte ao 29% que apostaron por sumarse á coalición integrada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova nas últimas eleccións xerais.
Tras esta decisión, o secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, subliñou "a calidade dos debates e dos argumentos expostos", así como "o alto grao de participación da militancia".
"Este é un proxecto que se constrúe con poucos recursos, pero no que somos donos no noso destino e co centro de decisión en Galicia", defendeu Bascuas.
Acto seguido, asegurou que hai xente que votaba ao PP ou a Cidadáns, pero que agora "desexa votar en clave galega". "Hai xente no PSOE que está cansada de votalos e agora ten unha opción socialdemócrata en Compromiso e xente que tradicionalmente votaba BNG e que agora tamén ten unha alternativa galeguista en Compromiso", relatou.
Por iso, sostén que se conseguen explicar o seu proxecto, entón está "seguro" de que Compromiso "dará moitísimo que falar nos próximos anos".