A conselleira do Mar, Rosa Quintana, augurou este venres que a Federación Galega de Confrarías de Pescadores conseguirá "unha boa noticia" sobre a cota de caballa tras falar coas federacións cántabra e vasca.
Con todo, asegurou que non existe un "trato discriminatorio" con Galicia no que respecta á cota de caballa que corresponde a esta comunidade: "Xa o explicamos por activa e por pasiva, o que sucede é que este ano, por desgraza, temos menos posibilidades de pesca de caballa que o ano pasado".
En concreto, precisou que este feito se debe, "en parte", a "un descenso do 15 por cento que hai para todo o TAC de caballa que lle tocou a España" na repartición que se fixo o pasado mes de decembro.
Neste sentido, tamén subliñou que o ano pasado a frota de artes menores de Galicia "sobrepescou 600 toneladas de máis", que houbo que "descontar" este ano. Así, mantén que tanto o descenso do 15 por cento do TAC de caballa como as citadas 600 toneladas de sobrepesca do pasado ano son os que fan que se parta dunha situación "en peores condicións" que as frotas do Cantábrico e do País Vasco.