Nos últimos tempos todo o que rodea ao Dolmen de Combate parece estar sumido na polémica permanente, o xacemento segue sendo noticia por motivos que nada ten que ver coa súa importancia histórico-artística. Trala controvertida renovación do convenio de conservación co concello de Cabana de Bergantiños, a plataforma ecoloxista Salvemos Cabana denuncia "un novo escándalo" relacionado esta vez cun congreso de escritores.
En concreto, trátase do "I Congreso Internacional de Escritores Río Anllóns e Dolmen de Dombate", que se celebra esta fin de semana. O nomeamento como director deste evento do escritor e editor Basilio Rodríguez Cañada espertou a indignación dos ecoloxistas, que recordan que este escritor foi suspendido pola prestixiosa asociación de escritores 'Pen International'.
Foi no pasado mes de Outubro cando esta asociación "famosa polo seu apoio á liberdade ideolóxica e de prensa" aprobou por unanimidade a suspensión do centro español dirixido por Rodríguez Cañada, acusándoo de telo convertido nunha entidade "para o seu propio beneficio" que "non representa aos escritores", algo que significa "un verdadeiro delito" dada a gran historia da organización no noso territorio.
Ante estas circunstancias, dende Salvemos Cabana consideran "unha vergonza manifesta" que se escollera a este escritor para dirixir o congreso de escritores vinculado ao dolmen. Critican a elección realizada polo alcalde de Cabana, José Muíño (PP), pero tamén a autorización do deputado provincial Xesús Soto (BNG).