A 'Operación Patos' estaba prácticamente paralizada trala solicitude de varios avogados defensores para declarar nulas as escoitas telefónicas ao dono de Eiriña, Enrique Alonso Pais, que implicaron no proceso a decenas de políticos entre os que destacan nomes como o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Varios destes acusados, investigados por supostas irregularidades na contratación pública e recepción de regalos, preferiron non declarar agardando a que a xuíza avalase a validez das escoitas, despois de que os letrados defensores reclamasen pola falta de evidencia física das autorizacións.
Pero a maxistrada que leva o caso decidiu avalar a legalidade destas escoitas. Recoñece que non existe evidencia física do auto que autorizou o pinchazo telefónico. Pero asegura que non se pode poñer en dúbida a súa existencia, xa que consta na aplicación informática Minerva.
Suxerir que ese certificado se podería ter creado posteriormente "só podería aceptarse dentro dos termos do dereito de defensa", polo que debería ir acompañado dunha demanda formal.
Con este auto a xuíza do caso reactiva o proceso, eliminando a excusa á que se acolleron os investigados para non declarar, polo que previsiblemente irán desfilando polos xulgados nas próximas datas.