A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, asegurou este martes que, neste momento, o Concello non ten "ningunha relación contractual" coa empresa Doal, que xestionaba o sistema da Ora, e que forma parte do armazón empresarial de Vendex --investigada no marco da operación Pokemon--.
Estas declaracións producíanse tras coñecerse a existencia dun informe encargado pola titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, que revela que tres empresas de Vendex deixaron de pagar 500.000 euros á Axencia Tributaria e que, destas sociedades, Doal deixou de ingresar 106.054 euros en 2011 e 92.273 en 2012.
"A xustiza ten que facer o seu traballo e terá que reclamarlle aquelas cuestións que non cumpran. Nós con Doal non temos relación ningunha porque hai unha sentenza que dicía que o contrato era nulo de pleno dereito e nós executamos esa sentenza", esgrimiu.
Ademais,
insistiu en que agora "con esa empresa" non hai "relación contractual ningunha". "Co cal, aí só podemos pedir que a xustiza faga o seu traballo", aseverou. Polo demais, Lara Méndez quixo aclarar que
"xa se iniciou o expediente de municipalización" do servizo da Ora, que ata que se executou a suspensión do contrato en xullo era Doal a que levaba o servizo de aparcadoiros da cidade.
Finalmente, revelou que os orzamentos non se levarán á súa aprobación este mes. "
No que vai de mes posiblemente non nos de tempo de levar os orzamentos ao pleno, podemos tardar unha semana máis para estudalos ben e, ademais, queremos buscar o consenso dos distintos grupos municipais, cos que estamos a manter contactos", concluíu.