A Coruña, O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, asegurou que o Goberno municipal cumprirá cos seus compromisos respecto ás obras da Mariña, tamén os económicos, cando asuma os seus a Autoridade Portuaria (AP), por exemplo solicitar os trámites e autorizacións legais para a execución das obras. “Ben sabe e coñece a Autoridade Portuaria que o Goberno municipal non discute, nin discutiu en ningún momento, que as obras de infraestrutura portuaria executadas en dominio público portuario están exentas de licencia. Pero ben sabe a Autoridade Portuaria tamén que a exención de licenza ou autorización municipal só se refire ás obras en dominio público portuario, pero non a aquelas que, como é o caso, son bens patrimoniais e deixaron de ser dominio público portuario en 1999 e non albergan usos portuarios”, sinala o responsable municipal, que lle volve a recordar ao Porto que estas si están suxeitas a licenza ou autorización municipal. Tamén, o Goberno municipal lémbralle ao ente portuario que as discrepancias existentes sobre algunha das contías reclamadas serán obxecto de análise na Comisión de seguimento que terá lugar o vindeiro martes, por petición do Concello.
Varela tamén amosa a súa sorpresa por que a Autoridade Portuaria se remita á Avogacía do Estado para xustificar a falta de autorización municipal pero non faga constar informe desta última ao respecto e tampouco invoque un só precepto legal que ampare a suposta exención de licenza en terreos que non forman parte do dominio público portuario. “A Autoridade Portuaria e o seu presidente parecen descoñecer a lexislación portuaria”, observa o concelleiro de Rexeneración Urbana. Como lembra, a Autoridade Portuaria tampouco menciona no seu informe ningún acordo ou resolución municipal polo que se autorice o proxecto de obras ordinarias de urbanización redactado polo arquitecto Luis Collarte e que foi o licitado e executado pola Autoridade Portuaria. “E dito proxecto non se axuntou a ningún convenio ou adenda”, engade Varela, que tamén lle reitera á Autoridade Portuaria “que non hai ningún convenio ou acto administrativo no que figure que o Concello actúa en condición de copromotor das obras de urbanización das obras da Mariña”.
Por último o Goberno municipal faille notar ao ente portuario que o expediente informativo aberto polo Concello foi consecuencia dunha denuncia urbanística e a actuación “é independente da identidade da persoa que a formula”. “Que non busque o señor Losada conspiracións ou manobras absurdas”, recoméndalle o concelleiro de Rexeneración Urbana ao presidente do Porto coruñés. “Este Goberno local seguirá falando claro e con total honestidade coa AP, como fixo nas xuntanzas que tivo ata agora, na procura do máis estrito respecto á legalidade e co obxectivo de recuperar os terreos para o Concello e a cidadanía, abandonando vellas fórmulas á vez que abrindo canles de participación para unha zona moi importante da cidade que queremos que sexa propiedade da xente, non de intereses partidistas”, concluíu.