Os empresarios de Ourense apostan abertamente polas TIC para fomentar o seu negocio. Así o deixou claro o presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas, Elías Mera, nunha recente xuntanza que tivo co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.


Así, avanzou que a Asociación proxecta crear unha plataforma dixital para impulsar o aproveitamento das ferramentas TIC entre as empresas do Polígono de San Cibrao, logo de que un estudo interno detectase que aínda hai un 29% de firmas sin páxina web corporativa e que un 77% non fan uso das redes sociais para promocionar os seus produtos ou servizos.

Ademais, o presidente do colectivo empresarial lembrou que o Polígono de San Cibrao


está de celebración, xa que este ano cumple medio século de actividade, e matizou que o futuro do asentamento industrial “pasa por avanzar en infraestruturas pendentes como o Enlace coa Autovía A-52, a central intermodal de mercadorías, a reparación de viais, o impulso da Cidade do Transporte e a mellora de dotacións no Parque de Bombeiros e no servizo de televixilancia”.


Entre as magnitudes e datos relevantes do Polígono de San Cibrao destaca que nos seus perto de 5 millóns de metros cuadrados están establecidas 325 empresas, que xeran máis de 8.000 empregos directos. Nesta área aséntanse a terceira parte das industrias ourensás con máis de 250 traballadores. No primeiro trimestre de 2015 impulsou 563 novas contratacións no sector industrial, o 23% do total da provincia de Ourense.


Mera tamén lle trasladou ao conselleiro de Economía e Industria unha solicitude para que o maior parque empresarial da provincia de Ourense conte “cun plan individualizado que axude á implantación de empresas e industrias, con liñas de apoio acordes coas características do tecido empresarial da zona”. 

POWERED BY BIGPRESS