Villares, satisfeito con que En Marea o autorizase a contratar persoal de apoio
Subraia que as decisións foron "unánimes" na coordinadora.
O portavoz de En Marea na Cámara, Luís Villares, defendeu que hai "satisfacción plena" coas decisións sobre medios persoais adoptadas pola coordinadora provisional do partido e asegurou que "en todos os casos son unánimes". Manifestouno despois de que esta acordase autorizar algunhas contratacións como a dun asistente para el e un coordinador para o grupo parlamentario, que será Juan Manuel Fajardo.
"Estamos a prover de medios á organización e ao grupo, e os pasos que imos dando encamíñanse a que poidamos cumprir coas nosas funcións. Por tanto, satisfacción plena porque as decisións son en todos os casos unánimes", sentenciou Villares, na súa comparecencia ante os medios posterior á Xunta de Portavoces.
Nunha reunión previa á que tivo lugar na tarde deste mércores, Villares pedira por escrito á coordinadora un chofer, un secretario persoal e estudar unha compensación polo salario que deixou de percibir desde que foi elixido candidato de En Marea para as eleccións autonómicas do 25 de setembro.
O portavoz parlamentario lembrou que el forma parte da coordinadora e destacou que valora o calendario que ve na liña "dos textos constituíntes" e que se traducirá no nacemento do Consello das Mareas, do que posteriormente sairá unha nova coordinadora como órgano executivo do partido instrumental de adscrición individual.
"Os prazos establecidos son acordes co proceso participativo que queremos trasladar á sociedade e, en concreto, aos inscritos e simpatizantes, e que daremos a coñecer os próximos días", subliñou.
NOVA DIRECCIÓN, EN XANEIRO
En concreto, a coordinadora provisional de En Marea aprobou celebrar un plenario o próximo 17 de decembro, mentres que se renovarán os membros que a integran en primarias a finais de xaneiro.
Concretamente, no plenario do próximo 17 de decembro, que nun primeiro borrador barallouse que tivese lugar o 12 de novembro (data que en todo caso decaería posto que se celebra a investidura do presidente da Xunta), debateranse os documentos relacionados co regulamento de primarias e unha liñas políticas xerais para este curso político.
Escribe tu comentario