González Formoso pide tempo para "cargar as pilas" antes do Congreso Federal
O presidente da Deputación da Coruña pide non "obsesionarse con temas orgánicos e si cos sociais".
O socialista Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, asegurou que hai que convocar o congreso federal do PSOE nun "prazo razoable" para que a xente "cargue as pilas e volva confiar no seu propio partido".
"A xestora acaba de ser nomeada hai escasos días e ten que facer un traballo de poñer sentido ás cousas, de reconstrución e co obxectivo de que, no menor tempo posible, convocar un congreso e deixar falar á militancia", dixo, ao ser preguntado pola situación que atravesa o partido a nivel nacional.
Aínda que descoñece os prazos que se están barallando para a convocatoria do congreso federal, González Formoso asegurou que, "sen obsesionarse en temas orgánicos e si cos sociais", non hai que "perder de vista" que o congreso ten que ser convocado "nun prazo razoable" para que a xente "cargue as pilas e volva confiar no seu propio partido".
Cuestionado pola presumible candidatura de Susana Díaz, o socialista comentou que se trata dunha compañeira máis e que conta con "todo o respecto". "Non sei se ao final será unha realidade esa candidatura, pero se o é terá todo o meu respecto do mesmo xeito que calquera outra candidatura", engade.
EN GALICIA
E en relación á situación dos socialistas en Galicia, González Formoso dixo que, despois da "reconstrución" a nivel federal, haberá un congreso galego para renovar os órganos de dirección do partido.
Segundo comentou, para os militantes é un "desexo" que se defina o órgano interno do partido a nivel galego para "non deixar de dedicarnos con intensidade aos problemas dos cidadáns".
"A xestora galega está a dedicarse única e exclusivamente a temas de xestión administrativa e económica, e por tanto creo que ten que seguir facendo ese traballo", afirmou.
Escribe tu comentario