O Estado quedou con 5 millóns dos concellos galegos
A Fegamp atopou un "posible desaxuste" nas contas do 2014, que outorgaron ás deputacións e aos municipios "menos do que lles correspondería".
A federación galega de municipios e provincias (Fegamp) atopou un "posible desaxuste" na liquidación da participación de ingresos do Estado practicada en xullo deste ano e correspondente a 2014.
A través dun comunicado, a Fegamp di que o índice de cálculo co que se repartiron as partidas "viuse afectado pola devolución do chamado céntimo sanitario: un gravame que se recadou de 2011 a 2012 e que foi declarado nulo pola Unión Europea".
Respecto diso, sinala que, "a pesar de que foron as comunidades autónomas as que se beneficiaron del en exclusiva, agora as contías que o Estado ten que devolver aos cidadáns que as reclamen repercuten nos concellos".
No caso de Galicia, a Fegamp estima que os municipios percibiron ao redor de 5 millóns "menos do que lles correspondería". E concreta que 2,5 millóns correspóndense coas deputacións provinciais, 1,1 millóns cos concellos en réxime de cesión --as grandes cidades menos Ferrol-- e 1,5 millóns co resto de municipios.
A Fegamp trasladou este "desaxuste" á federación española de municipios nunha reunión este luns en Madrid. Ademais, o presidente, Alfredo García, presentou estas cifras aos equipos de goberno e técnicos das principais urbes e dos catro organismos provinciais.
García sinala mediante a nota que remitirá un escrito formal a Facenda para que "axuste as contas e Galicia perciba o que lle corresponde"
Escribe tu comentario