O peche do Meixoeiro cumpre dez días sen perder forza
Este venres recibiron o respaldo de Alternativa Galega de Esquerda
Os traballadores do vigués hospital Meixoeiro que comezaron un peche indefinido no vestíbulo do hospital como resposta ao peche de camas do Sergas cumpren 10 días de mobilización sen perder forzas, con ánimo de seguir ata que "se vexan resultados", que pasan porque o hospital "abra ao 100 por cen" e conte cunha unidade de coidados intensivos "sempre aberta".
As traballadoras Natalia Rial e Begoña González transmitiron este venres as súas demandas, subliñando que este verán "van quedar tres plantas enteiras pechadas" mentres se están derivando pacientes e probas "á privada".
A protesta foi convocada pola Xunta de Persoal e pola plataforma SOS Meixoeiro. Durante estes días xa sumaron o apoio de SOS Sanidade Pública, foron visitados pola secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Queiruga, e este mesmo venres pola deputada de AGE Eva Solla.
Tras reunirse cos traballadores a deputada mostrou o seu apoio a unha protesta xustificada ante unha "situación límite" na que ve falta de xestión e "unha improvisación absoluta". Desta forma, criticou que unha planta do centro leva pechada "desde setembro do ano pasado" e hai "máis peches programados" para este verán; que se fan "traslados a hospitais privados cando hai medios públicos" suficientes; e que se deixou o Meixoeiro sen "reanimación e UCIs".
A deputada tamén reprobou que os traballadores están "desbordados" e sometidos a "situacións de tensións", que non están a recibir formación e que en esterilización "duplicaron traballo pero non aumentaron profesionais
"Pedimos que se tomen en serio esta situación" porque hai "unha desorganización total", mantivo, antes de reafirmar que AGE seguirá "apoiando aos traballadores" e levará "as veces que sexa necesario o tema a debate".
RESPOSTA DO SERGAS
O Sergas respondeu a estas críticas insistindo en que o Meixoeiro "ten e terá un papel fundamental no Chuvi", explicando que "duplicou" as súas ciruxías e actualmente realiza "dous terzos da actividade cirúrxica" da área viguesa.
A iso engadiu que este hospital é "un dos maiores centros especializados en ciruxía ambulatoria", e que proximamente contará con novas dotacións.
Escribe tu comentario