O PSOE de Ferrol non apoiará o plebiscito sobre a monarquía
Sen o apoio dos seus socios, a proposta de Ferrol en Común parece abocada ao fracaso
Na mesma semana na que Felipe VI visitaba por primeira vez como rei a cidade de Ferrol, o partido do alcalde Jorge Suárez (Ferrol en Común) presentaba unha proposta para cuestionar no pleno do concello a vixencia da monarquía, demandando un plebiscito vinculante para a cidadanía.
O alcalde asegura que o fixo sen "ánimo de provocación" nin de buscar "ningún tipo de escándalo mediático". Asegura que se trata dunha moción que se presenta tódolos anos por estas datas, previas ao aniversario da Segunda República.
Pero máis aló da polémica, todo parece indicar que a proposta non sairá adiante. O PSOE, socio de goberno de Ferrol en Común, xa anunciou que o seu grupo decidiu absterse na moción . A tenente de alcalde, Beatriz Sestayo, asegura que o PSOE está a favor da república como "modelo idóneo de estado", pero considera que esta iniciativa "neste momento, é pouco oportuna e non é prioritaria para Ferrol".
En principio, o PP e Ciudadanos votarán en contra da proposta. Un hipotético apoio do bloque non sería suficiente, polo que todo parece indicar que a proposta será rexeitada no pleno municipal deste xoves.
Escribe tu comentario