Citan para declarar a tres monxas das Mercedarias
Unha delas acudirá como investigada e as outras dúas como testemuñas no caso das monxas indias supostamente retidas contra a súa vontade
O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago, citou a declarar a tres relixiosas da orde das Mercedarias en relación ao caso das monxas supostamente retidas nun convento de clausura compostelán..
Trátase de monxas relacionadas coa orde das Mercedarias, unha delas é a nai superiora do convento no que se atopaban as monxas supostamente retidas.
A falta de confirmación, todo parece indicar que a nai superiora podería ser a persoa que acode a declarar como investigada, mentres que as outras dúas relixiosas declararían como testemuñas.
A intención do xuíz é poder "formarse un mellor criterio sobre a existencia de indicios de responsabilidade penal" neste caso, aberto despois de que unha persoa denunciase que varias monxas de nacionalidade india que formaban parte do convento das Mercedarias de Santiago estaban retidas no mesmo.
CAMBIO DE XUÍZ
A xuíza de garda cando se recibiu a denuncia, Ana López-Suevos, enviou a unha comisión xudicial o 23 de xaneiro para comprobar se as monxas que se atopaban neste centro facíano por propia vontade. Tras entrevistarse con cinco monxas de orixe india, tres delas informaron do seu desexo de deixar os hábitos e fóronse cos axentes.
Desde o Arcebispado de Santiago negaron en todo momento que as monxas se atopasen retidas, e sinalaron que dúas delas iniciaran semanas antes o proceso de "dispensa de votos" e atopábanse esperando a resposta da Santa Sé.
Dado que ningunha das monxas que abandonou a congregación decidiu interpoñer denuncia, o caso depende tanto das dilixencias que practique Andrés Lago Louro, en cuxo xulgado recaeu a causa tras a repartición, como da decisión da Fiscalía de presentar acusación, algo que, polo momento, aínda non fixo público.
Escribe tu comentario