#Claves de la semana

A Xustiza investiga se as tres monxas indias estaban retidas contra a súa vontade

Tratan de aclarar se tiñan acceso ao seu permiso de residencia e podían saír libremente do convento das Madres Mercedarias. Dende o arcebispado negan que se poida falar de retencións ilegais. 


|


Tres relixiosas orixinarias da India permanecen nunha casa de acollida tras ser liberadas do seu presunto cativerio no convento das Madres Mercedarias de Santiago. 


As tres relixiosas abandonaron o convento o pasado sábado, despois de que unha delas denunciase o pasado 7 de xaneiro que levaban anos retidas no convento, que "varias das súas compañeiras querían abandonar" a institución relixiosa e que "ata o momento non o conseguiran", por mor das ameazas de deportación que recibían por parte da súa superiora. 


Cando a Policía desprazou un dispositivo ata o convento o pasado sábado, estas tres monxas decidiron abandonar a institución para poñerse baixo tutela xudicial. Outras dúas monxas tamén de orixe india, en cambio, decidiron permanecer no convento pola súa propia vontade, segundo apuntan fontes do arcebispado. 


Polo de agora, dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informan de que non se ten producido ningunha detención nin se ten citado a ninguén para declarar. A investigación atópase en mans do xulgado de instrucción número 1 de Santiago, que intenta determinar se as monxas tiñan acceso ao seu permiso de residencia para poder saír do centro libremente. 


DENDE O ARCEBISPADO NEGAN RETENCIÓNS ILEGAIS


Polo de agora, dende o arcebispado están valorando a conveniencia de realizar un comunicado oficial, pero xa adiantaron a Galiciapress que pola información de que dispoñen en ningún momento se pode falar de "retencións ilegais", nin de retirada de pasaportes, malos tratos ou coacción.


Segundo as fontes do arcebispado, trátase dun tema de cada unha destas persoas, que plantexaron a petición de dispensa dos votos relixiosos, algo que conleva "un trámite" e tempo. 


MONXAS DEPORTADAS EN 2011


Pero o caso que acaba de aparecer podería non ser o primeiro. O xulgado de instrucción número 1 tamén está investigando os motivos que levaron á deportación en 2011 doutras dúas monxas orixinarias da India. 


Estas dúas relixiosas tamén residían no convento das Madres Mercenarias e dispoñían de permiso de residencia, pero aínda así foron deportadas. 


O convento de Santiago é o quinto que esta orde ten en España. As Mercedarias centran a súa vida relixiosa na contemplación. A crise de vocacións que ten baleirado progresivamente os conventos españois fixo que esta orde aceptara relixiosas da India e de México hai 13 anos.

relacionada A policia libera a tres monxas indias retidas contra a súa vontade durante anos nun convento de Santiago
relacionada As monxas retidas no convento de Santiago non estaban en posesión dos seus pasaportes
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE