Galicia recorda a Valle-Inclán no aniversario do seu nacemento
O secretario xeral de Cultura participou hoxe nos actos de homenaxe ao dramaturgo en Pontevedra e en Vilanova de Arousa, onde destacou a celebración dos 150 anos do escritor en 2016 para reforzar a difusión da súa vida e obra
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe nos actos de homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán que se celebraron esta mañá nos concellos de Pontevedra e de Vilanova de Arousa coincidindo coa data do aniversario do nacemento do dramaturgo, do que se cumpren 149 anos.
Na cidade do Lérez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na ofrenda floral en recordo do escritor organizada pola Fundación Valle-Inclán. Posteriormente, en Vilanova de Arousa, visitou na Casa-Museo do escritor a exposición ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1930-1936]’, xunto co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o alcalde do municipio, Gonzalo Durán, e mais a comisaria da mostra, Rosario Mascato.
Coordinar esforzos para difundir o legado do escritor
En referencia á celebración do 150º aniversario de Valle-Inclán o vindeiro ano 2016, o secretario xeral destacou a oportunidade desta efeméride para coordinar esforzos entre as administracións e as principais entidades vinculadas co escritor para reforzar a divulgación e posta en valor do seu legado, así como o coñecemento dunha figura clave da literatura contemporánea e universal.
A dimensión internacional de Valle-Inclán
O proxecto expositivo ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1930-1936]’, promovido polo Consello da Cultura Galega e conformado por 14 paneis, pon de relevo a dimensión internacional do escritor mediante as traducións das súas obras a outros idiomas. Os vínculos do dramaturgo co ámbito saxón, con Europa e mais cos países do Leste están presentes nesta exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 10 de outubro.
Esta é unha das iniciativas que se veñen desenvolvendo durante este mes no concello de Vilanova de Arousa e que se enmarca na completa programación de actividades promovidas arredor da vida e da obra do dramaturgo. Tamén o Concello da Pobra do Caramiñal celebra ata final de mes as XVII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que inclúen diversas iniciativas, entre elas, conferencias, exposicións, recitais poéticos, presentacións de libros e actuacións musicais.
Escribe tu comentario