Nace en Pontevedra "Novos Cinemas" para dar visibilidade aos novos creadores
A iniciativa ten obxetivos claros e definidos e para dar visibilidade aos novos creadores e difundir o seu talento
Presentación do Festival Internacional de Cine de Pontevedra "Novos Cinemas"
Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, se presentou este xoves en rolda de prensa. A súa primeira edición será en 2016, pero en decembro haberá un aperitivo a modo de "prólogo".
A iniciativa ten obxetivos claros e definidos dar visibilidade aos novos creadores e difundir o seu talento, prestando especial atención á vangarda cinematográfica a nivel internacional. Para isto, dende a organización traballan xa dende a Edicion 0, en fomentar o encontro e a interacción entre os directores e o público, promover unha formación específica e continua neste ámbito e espertar o interés de novos espectadores. Diferentes liñas de traballo que conflúen buscando situar á cidade de Pontevedra no circuito de festivais peninsulares de relevancia.
Será un festival que, segundo o seu produtor, Daniel Froiz, nace co obxectivo de detectar "talento emerxente" a nivel internacional, así como promocionar e difundir "parte do cine mundial que aquí non chega" e ao que os pontevedreses terán acceso grazas a Novos Cinemas. Serán todos eles unha mostra de "unha nova forma de facer cine" coa que o sector busca "levar ao cine á xente máis nova, que é o futuro".
O festival, cuxa programación estará coordinada por Suso Novás e o realizador Anxo Santos,contará cunha sección oficial na que concursarán "primeiras ou segundas" películas de novos realizadores, explicou Novás, "xente que se incorpora á industria do cine". Haberá ademais outras seccións de exhibición que se irán presentando paulatinamente e cuxa "estrutura base" está xa pechada "pero hai que ir pulíndoas".
Pero os organizadores de Novos Cinemas, un festival que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, aseguran que "non será só un evento de dúas semanas", senón que a intención é que sexa un certame que estea presente na cidade durante todo o ano con proxeccións, obradoiros ou conferencias, "un evento social dirixido a toda a cidadanía de Pontevedra", sinalou Daniel Froiz.
O "centro" do festival será o Teatro Principal que, segundo Anxos Riveiro, é un espazo "acaído" para un festival destas características, pero haberá actividades paralelas noutros escenarios da cidade como o Museo de Pontevedra, a Casa das Campás ou "lugares emblemáticos" onde se farán proxeccións ao aire libre "para achegar o cine á cidade", segundo desvelaron os seus organizadores.
Haberá tamén, como non pode ser menos en eventos deste tipo, a tradicional alfombra vermella, que pisarán "profesionais de recoñecido prestixio", afastándose iso si de propostas doutros festivais onde por traer a unha gran estrela internacional quedan fóra "actores, directores ou técnicos" españois de incuestionable talento.
AVANCE DO FESTIVAL CUNHA "EDICIÓN CERO"
Suso Novás avanzou ademais que os días 11, 12 e 13 de decembro haberá unha "edición cero" do festival. Será, dixo, un "pequeno avance" da liña editorial que terá este certame. Non será competitivo e incluirá a proxección de cinco longametraxes de diversas nacionalidades, tres dos cales serán a primeira ou segunda película dos seus respectivos realizadores. Polo momento, non quixo avanzar os títulos porque "estamos en negociacións".
Ademais, os outros dous filmes son películas dirixidas por un realizador español "que para nós é referencia no noso cine contemporáneo" e que impartirá un seminario teórico; e por un cineasta galego recoñecido internacionalmente que dirixirá un segundo seminario, no seu caso, de realización e cuxos alumnos elaborarán un proxecto que será proxectado no marco da primeira edición do festival, xa en xuño de 2016.
Escribe tu comentario