Unións Agrarias denuncia a venda de leite a 0,28 euros en tendas de Vilagarcía
O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) denunciou este venres que a cadea Supeco de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) está a comercializar bricks de leite dun litro a 0,28 euros, moi por debaixo dos 0,61 que eles defenden como prezo mínimo de venda ao público.
A través dun comunicado, a organización que dirixe Roberto García incidiu en que é este “un caso vergonzoso” de utilización do leite “como produto reclamo”. Ademais, a súa “indignación” aumenta ao ver como no ticket de compra se referencia a compra dun destes bricks coma se de embutido ao corte se tratase: no recibo, que enviou tamén aos medios, aparece “oferta refrixerada”.
“Poucas accións definen a dobre moral da distribución como esta”, censurou UU.AA., "pois unha das tendas deste grupo atopa perto dunha industria láctea na que ata fai unhas horas estaban os gandeiros a manifestarse”.
Neste escenario, o sindicato agrario pediu á Xunta “unha vez máis” que “vaia máis alá das grandes declaracións de apoio ao sector” e “faga o seu traballo de fiscalización” destas actitudes comerciais, que son “desvastadoras” para o obxectivo de conseguir un prezo “xusto” para o leite. De non haber medidas, non descarta “iniciar unha denuncia” por “incumprimento de funcións” por parte das administracións.
Escribe tu comentario