#Claves de la semana
NOVA YORK

Lores brinda con pontevedreses residentes en Nova York polo premio internacional á cidade

A viaxe de Lores a Nova York incluirá un foro no que explicará a reforma urbana


|

Hai un galego na Lúa, di a popular canción de Zapato Veloz. Non sabemos se os haberá tan lonxe, pero dende logo na cidade de Nova York hai unha colonia galaica bastante numerosa. E dentro deles, son moitos os que son de Pontevedra ou teñen orixes e vínculos familiares coa capital da provincia. Cunha representación deles quixo brindar Miguel Anxo Fernández Lores polo novo premio ao modelo urbano.


"Queriamos xuntar a xente que tivera relación con Pontevedra para compartir con eles este premio e que se sintan orgullosos da cidade", sinalou o alcalde ao remate da cea que compartiu con máis dunha ducia de persoas no restaurante grego Molyvos, situado na planta baixa do Hotel Wellington, base de operacións da delegación pontevedresa desprazada a Estados Unidos para recibir este galardón.


Entre eles estaba, por exemplo, o empresario Marcos Roel. Fillo de emigrantes galegos de Cambre e Tomiño é, actualmente, o presidente da Casa de Galicia en Nova York. Toda a súa formación académica a realizou xa en Estados Unidos, país no que traballou varios anos en Morgan Stanley, antes de montar Petrabax, o seu propio negocio no sector do turismo, unha actividade que o mantén en constante contacto con España.


Pola súa banda, Manuel Cerqueiro chegou ao país en 2004. Naceu en Caracas (Venezuela), pero os seus pais son de Marín. É familiar do armador Senén Touza. Hai dezaseis anos, os seus pais regresaron a Pontevedra, cidade na que vive aínda a súa nai e á que "vou ver todos os anos". Traballa como asesor da policía de Nova Jersey en materia tecnolóxica e soña con impulsar academias para ensinar informática, electrónica e robótica a nenos.


Na cea tamén estaban presentes José Lorenzo, familiar de Francis e Gerardo Lorenzo, un pontevedrés de orixe aínda que nacido ao outro lado do charco e que rexenta unha empresa de calzado e outra de investimentos; ou Mónica Calvo, natural de Samieira (Poio), que se mudou por amor a Nova York, cidade na que o seu marido é o presidente dunha das financeiras máis importantes de Broadway.


Ademais, non quixeron perderse a cita Carmen Portela, profesora de inglés no colexio Doroteas e nai de Catalina Fernández de Ana, xerente de Hifas da Terra, e que acudiu acompañada de varios familiares; o matrimonio formado polo arquitecto Jaime Cortizo e a avogada Juana Cortiñas -que levan ano e medio en América-, ou os xornalistas Nino Soto, que actualmente traballa para un senador; e Natalia Dasilva, que está na cidade para facer un máster de cine.


INTENSA AXENDA NAS PROXIMAS HORAS

Esta cita con pontevedreses é a antesala da participación de Pontevedra en dous importantes eventos. Por un lado, o enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, dará unha conferencia na Academia de Medicina de Nova York, sobre o modelo urbano implantado na cidade. Será a partir das dúas e cuarto da tarde deste luns (oito e cuarto en España) e estará acompañado polo alcalde.


E a partir das seis da tarde (doce da noite hora española), o alcalde recollerá o premio que entregarán a Pontevedra os responsables do Centro para o Deseño Activo, unha axencia creada polo millonario e exalcalde de Nova York, Michael Bloomberg. Este organismo promove o uso de solucións de plan urbano e arquitectónico para mellorar os hábitos saudables dos cidadáns.


Non será o último acto de Miguel Anxo Fernández Lores na Gran Mazá. O martes o alcalde manterá unha reunión de traballo con Linda Gibbs, directora de Bloomberg Associates e man dereita do propio Bloomberg. Foi a responsable de saúde durante os anos que este foi alcalde da cidade e, ao parecer, mostrou un especial interese en coñecer de primeira man o modelo pontevedrés.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE