As Illas Cíes acollerán o 9 de maio o xeolodía, unha actividade didáctica para dar a coñecer o patrimonio xeolóxico aos cidadáns
Trátase dunha actividade gratuíta que se celebrará en todas as provincias consiste nunha excursión guiada por xeólogos aberta a todo tipo de público
Santiago, 1 de maio de 2015.- O arquipélago das Illas Cíes acollerá o vindeiro día 9 o Xeolodía, unha iniciativa que pretende achegar á sociedade tanto a xeoloxía como a profesión de xeólogo.
Trátase dunha actividade gratuíta denominada xeolodía que se celebrará en todas as provincias españolas consiste nunha excursión de campo guiada por xeólogos aberta a todo tipo de público. Realizaranse en lugares interesantes pola súa contorna xeolóxica e proporciónase unha información rigorosa a nivel divulgativo.
Durante a excursión os participantes poderán ver o territorio con ollos xeolóxicos e coñecer algúns aspectos de como funciona a Terra sobre a que vivimos e de cuxos recursos naturais dependemos totalmente. É tamén unha maneira de sensibilizar á poboación sobre a importancia e necesidade de protexer o noso patrimonio xeolóxico. A nivel nacional, os xeolodías están organizados pola Sociedade Xeolóxica de España.
Na provincia de Pontevedra os organizadores do xeolodía son Irene Alejo e José Bienvenido Diez Ferrer, profesores titulares do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, en colaboración co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Para participar no xeolodía, que terá lugar o día 9 de maio, é preciso inscribirse previamente entre os días 4 e 7 de maio no teléfono 986813482 (de 10 a 14 horas) ou a través da web www.oceanografosgalicia.org
Divulgación da xeoloxía
O xeolodía é unha iniciativa de divulgación da xeoloxía con 10 anos de percorrido, xa que se organizou por primeira vez no ano 2005, no parque xeolóxico de Alaiga (Teruel). O seu obxectivo é divulgar o coñecemento a través de excursións de campo.
En total, a fin de semana do 9 e 10 de maio levaranse a cabo 54 excursións guiadas, unha excursión en cada provincia, agás nos arquipélagos balear e canario, onde se celebrarán varias excursións en diferentes illas. Como novidade este ano, en recoñecemento do seu interese divulgativo e impacto social, Xeolodía 15 foi seleccionada como unha das actividades que promove a Comisión Europea dentro da Semana Verde (Green Week 2015).
En Galicia ademais da excursión ás illas do parque nacional baixo o lema “Illas Cíes: un tesouro xeolóxico por descubrir”, celebraranse actividades nas outras tres provincias. Na Coruña terá lugar no concello de Valdoviño, baixo o lema de “Descubrindo os tesouros da costa de Valdoviño” ; na provincia de Lugo a excursión celebrarase no concello de Quiroga, baixo o nome “Percorrido xeolóxico paleontolóxico pola serra do Courel; e por último, na provincia de Ourense, terán lugar a “Ruta xeolóxica polo canón do río Mao”, en Parada do Sil.
Escribe tu comentario