Puy subliña "o compromiso do PP na loita contra a fraude como demostran os feitos"
O portavoz do Grupo Popular acusou ao PSOE de “contribuír a estender un manto de sospeita sobre o comportamento da Administración Tributaria”
Santiago, 28 de abril de 2015.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, subliñou hoxe no Parlamento que o Partido Popular “está comprometido na loita contra a fraude, como o demostran os feitos e as cifras” e alertou aos socialistas que “non vai entrar no xogo perigoso e contraproducente de contribuír a estender un manto de sospeita sobre o comportamento das administracións tributarias estatal e autonómica, que conleva a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas e que socava as percepcións da equivalencia e a equidade do sistema fiscal”.
Puy asegurou que “incrementar falsamente a percepción de que hai moita fraude é contraproducente para os obxectivos de loitar contra a fraude”. Así mesmo, indicou que diversas sentenzas xudiciais “fixan claramente a obriga de sixilo da inspección”, polo que afirmou que “é ilegal publicitar nomes e actuacións por parte da axencia tributaria”.
RESULTADOS EXCELENTES
Así mesmo, salientou que tanto a administración tributaria española como a galega “locen resultados excelentes que testemuñan o resultado da loita contra o fraude fiscal”. Neste sentido, informou que a AEAT recadou na loita contra o fraude durante o ano 2014 12.138 millóns de euros, o que representa un 12,5 por cento máis que o ano anterior e un 20 por cento superior aos datos do último Goberno socialista.
No que respecta ás regularizacións de bens situados no estranxeiro, Puy concretou que, tras as últimas medidas do Goberno do PP, se controlan agora bens no estranxeiro por valor de 108.000 millóns de euros, que a partir de agora tributan todos os anos en España.
O portavoz popular tamén se referiu á administración tributaria galega (ATRIGA) e indicou que ao longo de 2014 realizou 260.000 comprobacións, o que representa un incremento do 13 por cento respecto ao ano anterior. Estas comprobacións derivaron nunha recadación de 181 millóns de euros, un 20 por cento máis que no 2013.
CAMPAÑA SOCIALISTA
Pedro Puy criticou que o PSOE “estea embarcado nunha campaña de politización das actuacións da autoridades tributarias, obviando os resultados e as aclaracións realizadas desde a propia entidade”. “O seu único obxectivo é desprestixiar ao Partido Popular, pero cargándose a credibilidade da Administración tributaria”, engadiu.
“Os que fixeron unha amnistía fiscal completamente opaca a través de pagarés do tesouro anónimos ou, máis recentemente, permitiron a regularización dos españois da lista Falciani non poden dar exemplo de responsabilidade e deberían de ser máis coidadosos coas peticións que realizan”, apuntou.
Escribe tu comentario