A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias alerta por neve e fortes ventos en terra e fenómenos costeiros esta fin de semana no norte e o leste da Península e Baleares, onde a neve poderá acumular ata 20 centímetros de espesor e os ventos alcanzarán os 100 quilómetros por hora.


Así, avisa de que as nevadas intensas non se espera que afecten a Galicia, pero poderán acumular no Pirineo ata 20 centímetros de espesor e en zonas de Asturias, Cantabria, Castela e León (en especial a Burgos e Soria), Navarra, País Vasco e Cataluña (Lleida), nevará en cotas de 400 a 600 metros.


Mentres, o vento poderá deixar refachos de ata 100 quilómetros por hora no interior de Huesca, Lleida, Tarragona e Castelló e nas costas de Galicia, a cornixa cantábrica, Cataluña e illas Baleares.


Despois deste temporal, Protección Civil alerta de que é probable que se produza un episodio de temperaturas moi baixas na Península e Baleares, que se manterá, polo menos, ata o venres 20.


Ante a previsión de neve, Protección Civil recomenda viaxar por estrada "se é imprescindible" e, nese caso, tomar todas as medidas de precaución típicas destes episodios.


Tamén a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prognosticou que a partir do próximo martes podería iniciarse unha onda de frío en toda España que deixará xeadas xeneralizadas excepto nalgúns puntos do litoral, con mínimas que mesmo serán inferiores a -15 graos centígrados en zonas montañosas e con máximas que apenas superarán os 6 graos centígrados.


Segundo avisou a portavoz da Aemet, Ana Casals, a Europa Press, as precipitacións desta fin de semana serán persistentes e en ocasións fortes no extremo norte peninsular e durarán "moi probablemente" ata o luns incluído. Así mesmo, subliñou que destas precipitacións "gran parte" serán en forma de neve porque a cota estará nuns 600 metros o sábado e a 800 metros o domingo.


Así, a portavoz espera que a onda de frío chegue despois do temporal e deixará xeadas xeneralizadas con menos de -15ºC en zonas altas e con máximas que en moitas zonas quedarán ao redor dos cero graos centígrados ou lixeiramente por encima. Non se cebará especialmente con Galicia.


De acordo coa predición, dixo que un dos días máis fríos será o xoves, cando en Sevilla e Córdoba terán mínimas de -2 a -4ºC; en Soria, de -8 a -10ºC e de entre -10 e -15ºC na zona oriental desta provincia, igual que en Guadalaxara e en xeral nos sistemas Central e Ibérico. Neste contexto destacou que o termómetro rexistrará -15ºC ou mesmo menos en Pireneos e en Granada, pero tamén os 0 ou 2ºC de mínima en Ceuta, Melilla ou Almería.


Respecto das máximas, comentou que chegarán de 2 a 6 graos centígrados no oeste da meseta norte, pero prognosticou que "fará máis frío no leste que no oeste da Península", de modo que as en Zaragoza, as máximas quedarán entre os 0 e os 2ºC e que no leste de Castela-A Mancha "non haberá sitio onde suba dos 4ºC" e en moitos lugares non pasarán de cero graos.


POWERED BY BIGPRESS