A Editorial Galaxia vén de crear o Premio Literario Illa Nova de Narrativa, que estará dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora, e co que pretende estimular a creación en autores menores de 35 anos "dándolle voz á xeración máis nova".


Segundo informou a editorial, este galardón nace 60 anos despois de que abrise unha colección co mesmo nome, da que saíron "algunhas das principais obras do que se deu en chamar a 'Nova Narrativa Galega'".


Coa mesma finalidade "de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria", a editorial abriu ata o próximo 31 de marzo a convocatoria para que os interesados presenten as súas obras.


En concreto, poden presentarse autores menores de 35 anos con obras --xa sexan novelas ou conxuntos de relatos de non menos de 100 páxinas-- escritas en galego, inéditas e non premiadas con anterioridade. O fallo darase a coñecer no mes de abril nun acto que se celebrará en Vigo.

POWERED BY BIGPRESS