O Festival de Cans abriu ata o próximo 5 de marzo a convocatoria de presentación de curtametraxes e videoclips para a XIV edición do concurso, que se celebrará entre o 24 e o 27 de maio e repartirá 6.900 euros en premios.


A organización do evento, que lembrou que se incrementou progresivamente o número de obras presentadas ata superar o pasado ano as 200, indicou que poderá concorrer calquera tipo de peza curta dirixida por realizadores galegos entre os anos 2016 e 2017.


Os interesados poden consultar as bases na web do festival e inscribirse a través da plataforma dixital www.festhome.com. En total, outorgaranse 11 premios, 10 deles con contías en metálico e todos eles recoñecidos co afamado Can de Pedra deseñado polo artesán Paco Candán.


Para o financiamento do evento, a Asociación Cultural Arela solicitou reunións co Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra; e ademais traballa na incorporación de patrocinadores.


Paralelamente ao evento, este domingo, día 15, retomarase ás 19,00 horas na Sala Ingrávida do Porriño o ciclo promovido polo Festival de Cans e o Cineclube Rebobina 'Cans todo o ano', polo que se proxectará o documental 'Ponme a última', centrado na memoria dos bares da localidade pechados.

POWERED BY BIGPRESS