A valedora do Pobo, Milagros Otero, apoiou eliminar uns carteis do CPI Panxón, en Nigrán (Pontevedra), co lema 'Fala galego, non sexas lelo', ante as queixas do pai dunha alumna. A pancarta gañara un concurso, que contaba con fondos da Consellería de Educación, para o fomento da lingua galega.
Segundo explicou Galicia Bilingüe este martes nun comunicado, o pai acudiu á valedora por consello da asociación. Previamente, este xa presentara unha queixa ao inspector xefe de Educación de Pontevedra, Manuel Torres Biscaia, pero non obtivera resposta, segundo engadiu.
Finalmente, tras dous requirimentos por parte de Milagres Otero, tanto o pai como ela recibiron un escrito por parte do inspector xefe no que se avala a presenza destes carteis no centro.
O texto de Torres Biscaia, que Galicia Bilingüe cualifica de "pintoresco", recolle, en defensa deste lema, que "se buscou unha palabra que rimase con 'galego'". Ademais, engade que "sería coartar a liberdade de expresión de alumnos e profesores cuestionalo" e matiza que "a única queixa que se presentou foi a deste pai".
En resposta a isto, a valedora afirmou que o cartel "convida o uso do galego utilizando un adxectivo despectivo" e que "non promove o respecto ás opcións lingüísticas dos demais". Milagros Otero tamén sinalou que o significado de 'lelo' é "parvo, simple ou necio".
Así mesmo, a valedora tamén argumentou que "non está en cuestión a liberdade de expresión da alumna, senón o criterio da comisión que considerou positivo e premiou un cartel para o fomento do galego que cualifica como lelo a quen non o fala".
GALICIA BILINGÜE SOLICITA A DESTITUCIÓN DO INSPECTOR XEFE
Pola súa banda, Galicia Bilingüe tachou de "inaceptable" que un responsable de inspección educativa "ningunee" durante tres meses unha petición tan "razoable e fácil de atender" e afirmou que "é a terceira vez que Torres Biscaia se sitúa xunto a quen fomenta o galego adoutrinando e permitindo que se falte ao respecto aos cidadáns que non comparten certas ideas".
Por todo isto, Galicia Bilingüe pediu, nunha carta ao conselleiro de Educación e ao presidente da Xunta, a destitución do inspector xefe. Da mesma forma, a asociación solicitou que se poñan os medios necesarios para que a promoción do galego se realice "dentro das canles de respecto e tolerancia".