O presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, manifestou que hai "claramente" unha tendencia de "recuperación" da economía española tras uns datos do paro que sitúan o número de parados, ao finalizar decembro, en 3,7 millóns de persoas, tras baixar en 390.534 desempregados no conxunto do ano (-9,54%).
Con todo, nunha entrevista á Radio Galega, --despois de que os datos do paro reflictan que en Galicia o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 2.360 persoas en relación con novembro, un 1,16%, por encima da media-- insistiu na necesidade de que en Galicia se aposte por impulsar a economía a través das exportacións.
Para Couceiro, todos os índices sobre a economía española reflicten "claramente a recuperación", apuntou tanto en alusión ao emprego, o consumo, o investimento ou as perspectivas das empresas. "Penso que todo apunta na boa dirección", manifestou.
REFORMA LABORAL
Respecto da reforma laboral, avogou por acordar un novo marco que permita crear emprego e que sexa "flexible". "Para que as empresas poidan adaptarse a un tecido cada vez máis competitivo", sentenciou.
Por outra banda, argumentou que España é un dos países con maior presión fiscal e defendeu, por iso, un descenso progresivo dos impostos.
AP-9 E AVE
Couceiro tamén insistiu en que, nunha economía global, Galicia ten que orientarse "claramente cara á exportación". Respecto diso, subliñou que o organismo cameral traballa en programas neste ámbito, e tamén na mellora da competitividade do comercio interior, así como en proxectos dirixidos a mulleres empresarias.
Por outra banda, o que foi conselleiro de Industria nos gobernos de Manuel Fraga e presidente provincial do PP na Coruña, apelou ao papel da Xunta para asumir a xestión da AP-9 e impulsar a chegada do AVE para que Galicia "deixe de ser a periferia da periferia".
NOVA PESCANOVA
Mentres, como conselleiro de Nova Pescanova, Couceiro asegurou que agora "comeza a hora da verdade" para a empresa tras a designación dos novos cadros directivos.
"As vendas estanse practicamente mantendo e todas as medidas que se están adoptando están a dar os seus froitos", argumentou. Ademais, descartou que haxa "perigo de liquidación" da empresa.