A Praza Roxa de Santiago de Compostela acolle este mércores e xoves a caseta informativa da campaña 'Polos teus ósos', organizada pola liga Reumatolóxica Galega para concienciar e visibilizar sobre as enfermidades reumáticas, das que destacan a importancia dun diagnóstico precoz e de "desterrar mitos".
A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández, e a presidenta da liga Reumatolóxica, Ana Vázquez, foron as encargadas de presentar esta iniciativa, que durante toda a xornada do mércores e do xoves informará os composteláns sobre a necesidade de coidar os ósos e sobre as distintas enfermidades reumáticas.
A campaña servirá tamén para vender caixas de bombóns con forma de ósos, cuxos beneficios se destinarán a financiar as campañas da liga e programas de saúde para persoas afectadas.
Ana Vázquez indicou que na actualidade aínda hai na sociedade descoñecemento acerca das enfermidades reumáticas, e persisten "mitos" que é necesario "desterrar". Entre eles, lembrou que este tipo de doenzas afectan tamén a persoas novas e que si poden causar a morte. De feito, apuntou que "reducen a esperanza de vida" do paciente "ao redor de 15 anos".
A presidenta da liga Reumatolóxica destacou a importancia de que os cidadáns revisen o estado dos seus ósos para favorecer un "diagnóstico precoz" da enfermidade, que permita iniciar "canto antes" o tratamento e "frear" a súa evolución.
Hoxe en día, "afortunadamente", destacou Vázquez, hai terapias de nova creación que "frean" en boa medida o avance da enfermidade que, en todo caso, é crónica, polo que pediu que non se "infravaloren" os síntomas iniciais.
Concha Fernández apuntou que as enfermidades deste tipo son a primeira causa de absentismo laboral e de incapacidade temporal en Galicia e que ao redor do 40 por cento da poboación sofre algunha destas patoloxías.