O Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia de Modernización de Galicia (Amtega) puxeron en marcha as webs www.rapacinos.gal e www.rapacinas.gal, unha iniciativa enmarcada no programa 'Rapaciñ@s', para difundir o ámbito das novas tecnoloxías e o uso seguro da internet entre os nenos.
O novo espazo web, accesible a xente sen coñecementos técnicos, inclúe contidos como personaxes fundamentais na historia da informática, 10 razóns para estudar informática, saídas profesionais, onde realizar estudos, consellos de navegación segura e o xogo 'A quen te pareces?'.
Este xogo difunde casos de éxito que buscan fomentar a incorporación de mozas ás novas profesións dixitais e contribuír á desaparición da brecha de xénero existente no acceso aos estudos tecnolóxicos.
Así, céntrase na divulgación da vida de mulleres e homes que xogaron un papel destacado no desenvolvemento da informática e das ciencias da computación.
Neste xogo, de acordo cunha serie de preferencias, gustos e valores que vai fixando, o usuario poderá identificar con que persoa do mundo da informática ten máis cousas en común.
SEGUNDA EDICIÓN
O programa 'Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura', no que se inclúe este espazo web, percorreu durante dous anos toda Galicia con charlas informativas a cargo dos colexiados do CPEIG e talleres infantís.
Nel, familias e docentes atopan información e recursos de interese, á vez que os nenos adquiren hábitos seguros para navegar na rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas para que se divirtan e aprendan.