A cidade da cultura acapara o 14% dos orzamentos de Cultura
O membro da dirección de Esquerda Unida Xabier Ron alertou que os orzamentos da Xunta para o próximo ano destinan a Cultura "16 millóns de euros menos" en comparación cos do ano 2012.
O exdeputado de AGE na Cámara galega criticou que as contas do Goberno galego para o 2017 "seguen perpetuando unha senda de empobrecemento do dereito de acceso da cidadanía á Cultura", que debe "servir para socializar e ser redistribuída por todo o territorio".
"En 2012, Cultura contaba cun orzamento de 79 millóns de euros e hoxe contamos con 63, é dicir, 16 millóns de euros menos", lembrou, para logo aclarar que, a pesar de que para 2017 "prodúcese un lixeiro incremento", "as partidas esenciais" continúan "conxeladas".
Tras sinalar que a Fundación Cidade da Cultura "segue acaparando o 14 por cento dos orzamentos" de Cultura, reclamou ao Goberno galego a creación dun 'Bono Cultural' que permita aos galegos "acceder á cultura durante todo o ano".
Por último, Ron esixiu á Xunta que "termine cos procesos de privatización" que afectan a Patrimonio, como "os parques arqueolóxicos" ou "o Camiño de Santiago".
Así as cousas, reclamou que "o Dolmen de Dombate sexa de titularidade pública" e que "os 69 albergues públicos sexan devoltos e non entregados a Florentino (FCC)".