O PPdeG votou en contra dunha moción que --nun dos seus puntos-- pedía un plan de accións pedagóxicas para combater a tolerancia social ao consumo de alcol.
Fíxoo ao avogar por cambios na lei que, entre outras cuestións, redunden nunha abordaxe do problema "específico" entre menores.
Así o xustificou no pleno do Parlamento galego, este martes, o popular Aurelio Núñez Centeo, tras as intervencións do grupo propoñente, o PSOE, e de En Marea e o BNG, que si apoiaron a iniciativa.
O rexeitamento do grupo maioritario, que apostou por compasar cambios lexislativos, impediu que o texto saíse adiante. Así, Núñez Centeo fixo referencia ás intencións do novo Ministerio de Sanidade, e indicou que o PP quere que se modifique a lei.
Algúns dos propósitos, segundo expuxo, son que se regule o consumo na vía pública, a restrición do acceso ao alcol e o combate da tolerancia ao consumo.
Reformular a lei galega de 2011 de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade era outra das demandas da moción socialista.
"NON CRIMINALIZAR"
Na súa intervención, o socialista Xulio Torrado advertiu da tolerancia social ao consumo de alcol, asunto que, na súa opinión, afecta "mesmo especialmente" en Galicia.
Respecto diso, refugou dous "falsos debates": o que confunde a práctica do botellón e o consumo en xeral, e o que mestura a problemática entre menores e maiores.
Neste sentido, pediu "non criminalizar" os mozos e "asumir" que existe un problema "conxunto" na poboación, de modo que avogou por unha lei "máis educativa e menos punitiva" neste ámbito.
COMPETENCIAS MUNICIPAIS
O texto do PSOE propoñía negociar con concellos para que desenvolvesen as súas competencias e "coa dotación necesaria".
En Marea e Bloque, aínda que estiveron de acordo coa iniciativa e coa necesidade de recursos, presentaron senllas emendas --que foron aceptadas-- coas que rexeitaban solicitar ese "transvasamento de competencias".
"Non se pode pasar a pelota da responsabilidade aos gobernos municipais", destacou a deputada Eva Solla, coincidindo co que dixo tamén a nacionalista Olalla Rodil, que, ao igual, demandou, iso si, unha "estratexia conxunta" coa federación galega de municipios e provincias (Fegamp).
"ESCÓITASE POUCO AOS MOZOS"
Solla viu "evidente que as cousas non se están facendo ben" nesta materia, á luz dos datos relativos a intoxicacións etílicas de menores. Ao seu xuízo, hai "responsabilidades que non se están asumindo" e tampouco se debe "facer demagoxia".
Para a parlamentaria de En Marea, "a Xunta non pode escapar ás súas obrigacións e responsabilidades", e preguntouse, por exemplo, cales son "os contidos curriculares" sobre este tema. "Cremos que a lei non se está desenvolvendo", apostilou.
Rodil, mentres, apostou tamén pola educación fronte á punición ou a criminalización e alertou de que "se escoita pouco á mocidade". Por iso, reclamou "promover alternativas de lecer xuvenil", sobre todo nocturnas, como "vía de escape".
"ERRADICAR O BOTELLÓN"
O popular Aurelio Núñez Centeo afirmou coincidir "en moitas cousas" coa proposta do PSdeG, como que o consumo de alcol por menores é un "grave problema social" e "específico". "Ten entidade suficiente para que mereza unha lei e medidas diferenciadas", agregou.
Debido a iso, segundo lembrou, o PP instará o Goberno para que se modifique a lei, coa finalidade de regular o consumo na vía pública, restrinxir o acceso ao alcol e loitar contra a tolerancia ao consumo.
Núñez Centeo criticou que o botellón "se percibe pola mocidade como inocuo", e subliñou que "sempre" opinou que "hai que implementar medidas para erradicar esa práctica".
"Non se trata de criminalizar á mocidade, nin moito menos", engadiu, para, a continuación, incidir no ámbito de actuación familiar. "Se os pais consenten, axudan e provocan, non temos nada que facer", considerou.
Nesta liña, apuntou que a nova ministra de Sanidade fixo referencia á posibilidade de "implementar multas para os pais".
"SEN PRAZO NON É COMPROMISO"
Tamén sinalou á prohibición do botellón nalgunhas cidades, para concluír que en Santiago "desapareceu", algo que rebateu o deputado do PSdeG, ao chamar a atención sobre que "puido trasladarse de lugar, pero non desapareceu".
Torrado replicou ao parlamentario do PP, sobre a súa emenda, que "un compromiso sen prazo non é compromiso" e avisou de que "a realidade non permite demoras".
Ademais, censurou a intención dos populares de retirar o compromiso de recursos, mediante a mencionada emenda, e lamentou igualmente que buscase "aplaudir á consellería".
"Esta non é unha iniciativa campanario", resolveu, para argumentar o seu rexeitamento á emenda do grupo maioritario.