Turismo de Galicia levou a oferta, os servizos e os produtos da comunidade a 41 feiras do sector ao longo de 2016, 29 foron certames estranxeiros e 12 nacionais.
Segundo informou a Xunta este luns nun comunicado, o departamento autonómico de turismo estivo presente nas principais feiras do mundo, entre as que destacou a Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) en xaneiro; a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín, en marzo; ou a World Travel Market (WTM), de Londres, en novembro.
Outros dos certames a nivel internacional nos que participou foron: Vakantiebeurs, de Utrech (Países Baixos); Matka, de Helsinqui (Finlandia); Holiday World, de Dublín (Irlanda); Salon des vacances, de Bruxelas (Bélxica); MITT, de Moscova (Rusia); e Jata, de Tokio (Xapón).
A nivel nacional, Turismo de Galicia estivo presente en Navatur, en Pamplona; Sevatur, en San Sebastián; Turexpo, en Silleda; B Travel de Barcelona; ou no Salón de Turismo INTUR, en Valladolid.
SECTORES ESPECÍFICOS
Turismo de Galicia tamén promocionou de forma específica algúns produtos máis singulares da comunidade como o Camiño de Santiago na feira Sacroexpo, en Kielce (Polonia); o turismo de saúde nos certames Thermalies, París, e Termalia, en México; o turismo náutico no Grand pavois, de La Rochelle, Francia; e outros produtos emerxentes coma o golf ou a ornitoloxía.
Ademais destes certames, Turismo de Galicia tamén participou en 11 feiras e encontros profesionais relacionados coa promoción do turismo de reunións. Entre outros, ao longo de 2016, estivo presente na ILTM, en Cannes, a ConfecBleu ou os workshop Meeting&Summit Icentive e ConfecRed.