Axentes da Policía Autonómica de Santiago, en colaboración con persoal do Distrito Forestal IV-Barbanza informaron da imputación dun home como presunto autor dun incendio forestal no Concello de Porto do Son (A Coruña).
O lume, que tivo lugar o pasado día 9 de decembro, afectou a uns 500 metros cadrados de monte raso, na parroquia de Santo Estevo de Queiruga.
Segundo as investigacións realizadas, iniciouse pola realización dunha queima de restos forestais, de forma neglixente, para a cal non contaba coa pertinente autorización da Consellería do Medio Rural.
Polos feitos instruíronse dilixencias e remitíronse ao Xulgado de Instrución de Primeira Instancia e Instrución, en funcións de garda, de Noia. Na actual campaña son 69 as persoas detidas ou investigadas por supostos delitos relacionados cos incendios.