O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, expuxo este xoves a creación dun tipo penal específico para a violencia no ámbito escolar, da que son vítimas, segundo dixo, "un tres por cento" dos adolescentes españois.
Xunto con iso, consciente das "consecuencias negativas" do acoso escolar nas súas distintas variantes, defendeu que a resposta non pode ser só sancionadora, senón que tamén hai que traballar na educación e a prevención. E o papel da comunidade educativa, ao seu xuízo, é "imprescindible".
Díxoo no Parlamento, onde acudiu para presentar á comisión correspondente a memoria de actividade da Fiscalía do ano 2015. Segundo eses datos, xa dados a coñecer aos xornalistas o pasado mes de outubro, os delitos contra a vida baixaron en Galicia, do mesmo xeito que os relacionados coa seguridade viaria, o tráfico de drogas e a corrupción. En cambio, incrementáronse os procedementos por agresións sexuais e as denuncias por violencia machista.
Precisamente de violencia machista falou en sede parlamentaria Suanzes, partidario de alcanzar un "consenso" que permita poñer fin a "esta infame secuela social". De feito, xulgou que a lei vixente foi "histórica", pero apelou a "seguir avanzando" nesta materia.
Ademais, o fiscal puxo o foco sobre o repunte da violencia intrafamiliar exercida por parte dos mozos e tamén sobre o aumento que se aprecia na violencia de xénero entre os menores. "As propias redes sociais poden servir como medio para chegar ás vítimas potenciais, axudalas e contrarrestar este fenómeno", apuntou.
ATENCIÓN A MAIORES
Outro colectivo sobre o que se debe "prestar especial atención", segundo Suanzes, é o das persoas maiores, que en Galicia supoñen o 24 por cento da poboación.
Pode haber, tal e como advertiu, "moita delincuencia oculta" sobre este grupo de idade polas súas "peores condicións" para presentar unha denuncia, e poden ser vítimas de roubos, estafas e malos tratos.
SITUACIÓN DA XUSTIZA
Na súa quenda de peche do debate, tras escoitar as diferentes cuestións expostas polos grupos parlamentarios, o fiscal superior de Galicia fixo votos por que o ano próximo sexa "o ano da Xustiza". E é que, desde o seu punto de vista, é necesario "un pacto de Estado" para esta rama da administración que lle dea "estabilidade".
Así, apostou por elaborar unha nova Lei de axuizamento criminal que adxudique a instrución aos fiscais e por redactar unha regulación específica para as causas complexas, como moitas das relacionadas coa corrupción. A este respecto, reiterou a súa petición dunha fiscalía específica anticorrupción para a comunidade galega.
Finalmente, negou a existencia de "problemas" relacionados co uso do galego na Xustiza, aínda que se mostrou partidario de fomentar o seu uso. Díxoo o mesmo día en que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que trataría co Ministerio de Xustiza que se deben acometer cambios na plataforma informática para garantir a cooficialidade lingüística.