Galardoados // Casa de Galicia
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou o labor da Casa de Galicia en Madrid para que a comunidade galega sexa vista como "unha terra de oportunidades".
Xunto ao presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e a presidenta da comisión de asuntos exteriores do Congreso, Pilar Rojo, o titular de Economía da Xunta presidiu este xoves a clausura das actividades deste ano da Casa de Galicia.
Dela reivindicou o seu papel de embaixadora e catalizadora da "marca Galicia" na capital de España, e valorou que contribúe a facer que a comunidade sexa vista como "unha terra de oportunidades".
Así, agradeceu ao director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o labor desta entidade, que organizou este ano 215 actos, á vez que atendeu desde Madrid máis de 3.000 consultas sobre información turística de Galicia.
Conde, ao igual que o director da Casa de Galicia, tamén fixo fincapé no traballo que levan a cabo, entre outras entidades, a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), a Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega), a Asociación de Xuristas Galegos de Madrid (Iurisgama), o Club de Periodistas Galegos, a Orde da Vieira, a asociación de Galegos de Alcobendas, e a Federación de Asociacións Galegas de Madrid (Fagama).
DISTINCIÓNS
Durante o acto de clausura das actividades en 2016, presentado por Silvia Jato, a Casa de Galicia tamén entregou distincións a nove personalidades destacadas en ámbitos como o cultural, o xurídico e o económico, tanto pola súa traxectoria profesional como polo seu afecto a Galicia.
En concreto, os galardoados deste ano foron o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; o meteorólogo de TVE Martín Barreiro Carreira; o presidente da Sección Oitava da Audiencia Provincial de Madrid, Jesús Gavilán López; o notario Victorio Magariños Blanco; o cardeal-arcebispo de Madrid, Carlos Osoro Sierra; o embaixador da República de Serbia en España, Danko Prokic; o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Francisco Real Castro; o procurador Argimiro Vázquez Guillén; e o periodista e presidente de QSD Global, Francisco Lobatón Sánchez de Medina.