A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (Foanpas) remitirá un total de nove paquetes con libros de texto para cada un dos membros do Congreso dos Deputados e do Parlamento de Galicia, co obxectivo de reivindicar o seu "carácter educativo e non mercantilista" e esixir a súa gratuidade universal en sistema de préstamo.
Nunha rolda de prensa este xoves, a presidenta da federación, Bertila Fernández, explicou que a iniciativa xurdiu no marco da esixencia das asociacións de nais e pais galegas de volver ao sistema de préstamo, que consideran "apropiado para a economía da Xunta e para os propios nenos", pois traballan a súa individualidade pero tamén aprenden a compartir e respectar.
Así as cousas, Fernández criticou o cambio deste sistema polo do cheque-libro, que considera que "limita", é "segregador e "evidencia falta de miras", así como o do banco solidario, que entende que "non garante que a totalidade dos nenos teñan libros de texto".
A iso engadiu que os libros novos teñen practicamente os mesmos contidos, e "é triste ver libros no lixo e faiados, cando poderían ter unha vida máis longa". "Por iso reclamamos volver ao sistema de préstamo", resumiu, antes de sinalar que xa están "cansados de promesas que non se cumpren", aínda que confían en que esta iniciativa reciba unha resposta.
Os paquetes, que serán enviados leste mesmo xoves a cada un dos grupos parlamentarios, conteñen libros de texto envoltos individualmente en papel de agasallo verde e levan unha felicitación. Ademais, cada un dos libros inclúe unha carta escrita en primeira persoa coma se fose o propio libro o que reivindica que podería seguir tendo vida útil.
Escrita en galego e castelán, a carta tamén reclama un consenso educativo; ensinar a reducir diferenzas, a reciclar e a potenciar valores como reutilizar; volver redistribuír; reflexionar sobre o papel que xoga a educación; e "rexeitar este sistema de cambios sen sentidos". "Son as 'R' que necesitamos se queremos ser unha sociedade avanzada, responsable e solidaria", remata.