A federación de industria de Comisións Obreiras (CCOO) anuncia mobilizacións do persoal de Insuiña, empresa pertencente ao Grupo Nova Pescanova.
Os traballadores, segundo apunta o sindicato nun comunicado, esixen condicións laborais "dignas" e piden que se negocie un novo convenio colectivo propio, "como xa teñen a maioría de sociedades do grupo".
Actualmente, as condicións laborais dos 165 traballadores de Insuiña están reguladas polo convenio estatal de acuicultura, que son, denuncia CCOO, "moi inferiores" ás dos convenios de empresa doutras sociedades do grupo.
A pesar dos intentos sindicais por negociar un novo convenio, "a dirección de Insuiña non accedeu", critica. Respecto diso, CCOO atribúe a esta "intransixencia" o crecente "malestar" entre o persoal, polo que as mobilizacións serán, segundo advirte, "a mellor fórmula para que a empresa tome en consideración as reivindicacións".
PAROS, CONCENTRACIÓNS E FOLGA
O persoal decidiu convocar paros e concentracións fronte aos centros de traballo o vindeiro martes, 20 de novembro, entre as 14,30 e as 15,30 horas.
Unha semana despois, o martes 27, os traballadores están chamados a 24 horas de folga e concentraranse de 13,00 a 14,00 horas fronte ás plantas de Insuiña.
Insuiña é nestes momentos a maior produtora de rodaballo en España e en Galicia dá traballo a 165 persoas, a maior parte no concello lugués de Xove, pero tamén en Chapela (Redondela), O Grove e Mougás (Oia).