O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no terceiro trimestre do ano situouse en 1.301, un dato inferior ás 1.526 que se recibiron nos xulgados da comunidade autónoma no mesmo período do ano anterior, o que supón un descenso do 15 por cento. Esta porcentaxe está por encima da media estatal, onde a diminución foi do 9,2 por cento.


Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), de acordo cos datos feitos públicos este mércores pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), descenden na comunidade no terceiro trimestre do ano tanto os divorcios consensuados como os consensuados.


Os primeiros pasaron, nese período, de 835 no 2015 a 701 este ano, "o que supón unha caída do 16 por cento", precisa o alto tribunal galego. Mentres, os non consensuados descenderon un 13 por cento, pasando de 632 a 548. En canto ás separacións de mutuo acordo, pasaron de 42 a 35, mentres que as contenciosas mantivéronse en 17. No terceiro trimestre deste ano, rexistrouse tamén unha petición de nulidade matrimonial.


MODIFICACIÓN DE MEDIDAS


Vinculando as demandas de ruptura matrimonial coa poboación, a un de xaneiro de 2016, Galicia sitúase en 0,48 peticións por cada 1.000 habitantes, por baixo da media estatal (0,52).


Por outra banda, no terceiro trimestre rexistrouse unha caída interanual tanto nos procedementos de modificación de medidas como nos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais consensuados; mentres os non consensuados subiron un 3,2 por cento.


Así, entre xullo e setembro, iniciáronse 100 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 9,1 por cento menos que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 352, o que supuxo un descenso interanual do 17,6 por cento.


En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse no período analizado un total de 158 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supuxo un descenso interanual do 13,7 por cento. Pola contra, aumentan un 3,2 por cento as demandas non consensuadas, ao pasar das 281 do ano pasado ás 290 de 2016.


SITUACIÓN NOUTRAS AUTONOMÍAS


Sobre as demandas de disolución matrimonial en relación coa poboación ao 1 de xaneiro de 2016, os datos apuntan que o maior número de demandas de disolución por cada 1.000 habitantes deuse en Canarias (0,65); seguida da Comunidade Valenciana (0,61); Cataluña (0,58); Asturias (0,56); Illas Baleares (0,55); Andalucía e A Rioxa (0,54).


Así, segundo o CGPJ, todas elas superan a media nacional situada en 0,52. Pola contra, as máis baixas déronse en Navarra (0,36); Castela e León e País Vasco (0,37).


Por outra banda, a diferenza do observado no trimestre anterior, cando todos estes procedementos mostraron incrementos interanuais, no terceiro trimestre de 2016 producíronse diminucións respecto da mesma etapa do ano anterior en todos.


A única excepción foron os procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais non consensuados, que mostraron un incremento do 1,9 por cento.

POWERED BY BIGPRESS