O presidente da XuNta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este luns que o pacto sobre financiamento autonómico inclúa unha "peza separada" sobre gasto sanitario, porque supón máis do 40 por cento do orzamento das Comunidades Autónomas e, se non se contempla, o pacto quedará "coxo" e será "inservible" en poucos anos.
Así o manifestou durante a súa intervención na inauguración dunha xornada sobre o crecemento económico de Galicia, celebrada en Vigo con motivo do 30 aniversario da periódico Expansión.
O presidente galego volveu lembrar que o actual sistema de financiamento autonómico ten unha "formulación equivocada", foi resultado da negociación do Goberno central e a Generalitat de Cataluña, e "non resolveu os problemas".
Por iso, convidou a superar ese sistema e a abordar un pacto de financiamento autonómico que teña un capítulo específico para a sanidade. A ese respecto, incidiu en que o gasto sanitario das Comunidades Autónomas é actualmente do 42 por cento e, en pouco tempo, alcanzará o 50 por cento.
Se non se contempla esa "peza separada", segundo o presidente galego, calquera pacto de financiamento quedará "coxo" e será "inservible" en pouco tempo, polo que instou a "facer as contas de forma correcta".
EVITAR "ERROS ANTERIORES"
Ao seu xuízo, a evolución deste servizo público non se pode equiparar á doutros, e debe ter en conta factores propios de cada Comunidade. Nesa liña, reiterou a súa opinión de que "non se financian territorios", senón "o custo efectivo da prestación dos servizos públicos".
Núñez Feijóo insistiu de novo en que Galicia "non quere máis que ninguén, pero non aceptará menos", e pediu evitar os "tres erros anteriores" que considera máis negativos: basear o pacto nun acordo bilateral, confundir o debate identitario co económico, ou pretender financiar territorios en lugar de servizos para os cidadáns.
Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que a "estabilidade" e a "maioría insólita" do partido que sostén o goberno galego, fai que a posición de Galicia sexa "relevante" na negociación do financiamento autonómico.
CRECEMENTO ECONÓMICO
Durante a súa intervención no acto, Feijóo referiuse ao crecemento económico de Galicia e puxo en valor que a comunidade obtén resultados "sobresalientes" sen aumentar a débeda pública "por encima do previsto", pagando aos provedores, "sen reducir nin deteriorar os servizos públicos", e "sen deixar malas herdanzas baixo as alfombras".
A ese respecto, vinculou o crecemento cun "marco institucional estable", e incidiu en que "non se pode combater a incerteza económica con incerteza política". Por iso, apuntou que, "aínda que poida parecer un paradoxo", España é o país da UE "con menos incerteza", fronte a outros estados como Italia, Francia ou Alemaña.
O presidente tamén destacou que o seu goberno evitou caer na "inhibición política", asumindo as súas responsabilidades, e buscando "que non haxa atrasados" para que "a recuperación económica sexa para a maioría".