A Garda Civil sospeita que existe relación entre o correo electrónico e a desaparición de Diana Quer. Logo de confirmarse que o correo non foi enviado pola moza, os investigadores comezaron as súas pescudas para tentar identificar á persoa que o fixo, dado que o xeito en que foi enviado –mediante un servidor ‘pantasma’ que permite enviar correos e outro tipo de arquivos desde unha dirección que non está creada--, fai pensar que o remitente tomou “demasiadas molestias” como para non ter nada que ver co caso, indicou o coordinador en España de SOS Desaparecidos, Joaquín Amills. 


O mesmo Amills indicaba onte, segundo informacións de La Voz de Galicia, que “ao ter estas particularidades, o correo resulta imposible de contestar, dado que “virá de volta” rebotado ao non existir a dirección desde a cal foi enviado.


Ademais, o representante do colectivo de desaparecidos vén de desvelar que ao día seguinte da recepción do correo alguén creou esa conta de correo electrónico, o cal ‘descoloca’ ao equipo dado que non entenden o propósito de abrir esa conta despois de molestarse tanto en ocultar a identidade do emisor, e sobre todo sabendo que deixa unha pegada que pode permitir á Garda Civil a súa identificación.



Malia todo, as investigación arredor da misteriosa comunicación seguen avanzando, e onte coñeciamos que o correo pertencería a gmail, un servizo que require que as persoas que se dan de alta acheguen un número de teléfono por seguridade, o cal se está a investigar desde a UCO (Unidade Central Operativa) da Garda Civil. O xornal La Voz de Galicia informa hoxe de que dous dos díxitos dese número xa se coñecerían, e quedarían por descubrir o resto, nun proceso que, segundo Amills, é “moi complexo” e podería levar tempo.


Mentres tanto, o colectivo asegura que, malia que a lentitude das investigacións pode desesperar á familia da moza madrileña, é síntoma de que as cousas se están a facer “ben”. O mesmo Amills fixo fincapé nas súas declaracións na dificultade que conleva resolver unha desaparición: “é moito máis difícil ca un crime, pola falta de probas”, explicou.


A Garda Civil está atarefada, ademais, en investigar os 15 teléfonos que poderían ter algo que ver coa desaparición de Diana. Así, segundo asegura o xornal La Razón, os investigadores chegaron á conclusión, sometida sempre a unha contraanálise se aparecen novos datos, de que o teléfono que ofrecerá as pistas para atopar a Diana está entre eses 15. Así mesmo están case seguros de que na desaparición forzada, aínda que partise dun acto voluntario inicial, participaron varios individuos.

POWERED BY BIGPRESS