Un total de 436 traballadores públicos do Servizo de Incendios da Consellería do Medio Rural (SPDCIF) veñen de constituír a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA), que segundo indican nun comunicado, “nace de xeito espontáneo, independente e sen ningunfa afiliación ideolóxica ante o desamparo legal fronte á Administración e pola marxinación da maioría das forzas sindicais”.


No mesmo escrito, o voceiro dos asociados denuncia que os traballadores deste colectivo teñen un tipo de contrato “blindado” de tres meses como máximo para efectuar o seus labores de extinción nos lumes --só nos meses do verán--, o cal “non lles permite facer substitucións nin realizar traballos de prevención”, ao tempo que sofren “desprotección social” ao estaren “limitados” para acceder a diversos subsidios de desemprego e a algúns plans de formación, o cal xera situacións de “precarización, inestabilidade e desigualdade laboral”, ademais de estaren tamén excluídos do Convenio Colectivo. 


Por estes motivos, unha das súas principais reivindicacións é a prolongación dos seus contratos a nove meses, para ter a consideración de persoal fixo descontinuo e optar a un contrato digno.


UN SERVIZO ÚNICO, PÚBLICO E PROFESIONALIZADO


Os traballadores de tres meses denuncian asimesmo a tendencia da Consellería á progresiva “privatización” e á “segmentación do Servizo de Incendios” en diferentes e numerosas entidades --públicas, públicas con xestión privada, privadas e municipais--, o cal na súa opinión repercute “negativamente” na coordinación, seguridade e operatividade á hora de loitar contra os incendios forestais.


A recén constituída ATRIFOGA aboga por un Servizo de Incendios único, público, igualitario e profesionalizado. Ademais, consideran que o capital humano que achegan é un “gran recurso que pode ser empregado para desempeñar as necesarias e básicas tarefas de prevención e protección da masa forestal galega”, dada a súa “contrastada experiencia, --algúns deles levan encadeando de quince a vinte campañas, aseguran--, eficacia e formación”.


PREVENCIÓN


ATRIFOGA defínese como unha asociación cun marcado carácter de “defensa do ámbito forestal e compromiso ecolóxico”, facendo fincapé nas políticas de prevención que “habería que realizar fóra da época de alto risco para evitar os efectos destrutores dos lumes e minimizar as perdas, o cal sería posible, aseguran, “a través de accións educativas, unha maior concienciación medioambiental, a reorganización do terreo e a adopción de medidas que revaloricen o rural e poñan en valor a nosa riqueza forestal”. 

POWERED BY BIGPRESS