En 2014 saíu corrupción, e no 15 refuxiados. Cal será a palabra que defina o 2016?
O 'Portal das Palabras' acaba de abrir o prazo de presentación de propostas para elixir a 'Palabra do Ano', segundo informa a Real Academia Galega (RAG).
Esta iniciativa, promovida pola institución académica e a Fundación Barrié, busca "a implicación da cidadanía para escoller o termo que mellor resuma os últimos doce meses".
Para iso, no transcurso das dúas primeiras semanas de decembro e ata as doce da noite do día 14, recolleranse suxestións das persoas que estean interesadas en participar.
As máis populares ou "con maior peso de significado" entrarán posteriormente nunha fase de votación na que se decidirá a 'Palabra do Ano'.
O 'Portal das Palabras' é un proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión do galego. Ademais, este traballo conxunto permitiu tamén actualizacións do dicionario da Academia.