Con motivo do Día Mundial da Sida 2016', a Consellaría de Sanidade vén de destacar o "importante reto" para os próximos anos de diagnosticar ao 30 por cento das persoas que viven con VIH "e descoñecen a súa infección".


"Para conseguir esta meta teremos, en primeiro lugar, que concienciar, para que fagan a proba do VIH, ás persoas que teñen prácticas de risco para esta infección", subliña Sanidade no seu manifesto con motivo do Día Mundial da Sida 2016.


Así, explica que a acción divulgativa dirixirase ás persoas "máis vulnerables", pero tamén aos centros educativos, á mocidade, ás asociacións comunitarias e á poboación en xeral.


As redes sociais, segundo engade, "constitúen hoxe en día unha importante ferramenta, para ampliar o coñecemento sobre o VIH" e a "necesidade de realización da proba tanto nos grupos máis vulnerables como na poboación xeral".


En segundo lugar, Sanidade considera "importante" ofertar "amplamente" a proba do VIH en centros sanitarios e a proba rápida anónima en centros comunitarios.


"Mellorar o diagnóstico precoz unido á oportunidade de control da infección que nos ofrece o tratamento antirretroviral, --que a pesar de non curar evita que a enfermidade se reproduza--, permítenos contribuír ás metas de Onusida e ser optimistas para un próximo futuro sen sida", sentenza Sanidade.


UN FUTURO SEN SIDA


Neste sentido, a Consellería de Sanidade lembra no manifesto que máis de 30 anos despois do inicio da pandemia de sida non hai "un tratamento curativo nin unha vacina preventiva". Con todo, indica que os tratamentos antirretrovirais "supuxeron un avance moi importante que, ademais de conseguir unha boa esperanza de vida para as persoas que viven con VIH, están a converterse nunha ferramenta imprescindible para a prevención".


"A prevención primaria e o diagnóstico precoz unido ao tratamento antirretroviral permítenos situar a meta do ano 2030 para alcanzar un mundo sen sida", destaca neste día no que o Plan Galego anti VIH/sida e outras Infeccións de Transmisión Sexual "quere sumarse á acción acelerada global contra o VIH para conseguir este soño".


A estratexia 90-90-90 de Onusida marca para 2020 conseguir as metas de que o 90% das persoas infectadas con VIH estean diagnosticadas, que o 90% das diagnosticadas do VIH accedan ao tratamento antirretroviral e que o 90% dos tratamentos manteñan a súa carga viral indetectable.


"En Galicia, de modo similar á situación española, alcanzamos excelentes resultados en cobertura de tratamento antirretroviral e de redución de carga viral", sentenza.

POWERED BY BIGPRESS