María Rozas é a concelleira de Economía e Facenda.


Un pleno extraordinario e "urxente" debaterá este mércores en Santiago un expediente de modificación de crédito de case un millón de euros para, tal e como explicou a concelleira de Economía e Facenda do Concello de Santiago, María Rozas (Compostela Aberta), pagar sentenzas de mandatos anteriores.


"O importe total das sentenzas ascende a 3,5 millóns de euros", explicou Rozas este martes. Así mesmo, a concelleira engadiu que "xa se fixo fronte a boa parte das mesmas mediante un axuste de orzamento, pero hai outra parte que para pagalas é necesario levalas a pleno e dotalas de crédito".


Concretamente, o expediente de modificación de crédito que se debaterá ascende a 949.453,46 euros para o pago de tres sentenzas. A primeira, refírese a un fallo a favor da UTE Autobuses Urbanos de Lugo e TRAP S.A., cunha cantidade de 135.589,50 euros relativa á liquidación do servizo do ano 2008.


A segunda sentenza, está relacionada con facturas de contrato de asesoría xurídica do Concello que quedaron sen pagar do mandato anterior e que agora deben aboarse con intereses, o valor destas ascenden aos 112.381 euros.


Por último, destinaranse 693.571,27 euros ao pago dunha sentenza do parque comarcal de bombeiros, que ascende a 1.018.000 euros, dos cales xa se pagou unha parte con outro crédito.

POWERED BY BIGPRESS