O líder cubano Fidel Castro morreu aos 90 anos de idade, informou este venres o seu irmán, o presidente Raúl Castro, nunha alocución na televisión estatal.
"Con profunda dor comparezo para informar ao noso pobo, aos amigos da nosa América e do mundo que hoxe 25 de novembro do 2016, ás 10.29 horas da noite faleceu o comandante en xefe da Revolución cubana Fidel Castro Ruz", indicou Raúl Castro visiblemente emocionado.
O mandatario indicou que os restos do líder histórico da Revolución serán cremados segundo a súa "vontade expresa" e que nas próximas horas ofrecerase ao pobo "información detallada sobre a organización da homenaxe póstuma que se lle fará". "Ata a vitoria sempre!", rematou.
A última aparición de Fidel Castro foi con motivo do seu aniversario o pasado 14 de agosto.
RAÍCES GALEGAS
Fillo dun emigrante galego e unha muller de orixe canaria, Castro naceu na localidade de Mayarí, ao leste de Cuba, en 1926, no seo dunha familia humilde e iletrada. O seu pai, Ángel Castro y Argiz, non o recoñeceu ata os 17 anos debido a que non conseguiu o divorcio da súa primeira muller e non puido casarse co nai de Fidel ata que o futuro comandante tiña esa idade.
Castro visitou no 1992 a casa de seu pai, na localidade de Láncara, no concello de Sarria, na compañía do por aquel entón presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne. Na pequena e humilde casa de pedra onde naceu Ángel Castro y Argiz, existe unha placa de pedra na que se pode ler o seguinte texto: “En esta casa en 1875 nació Ángel Castro Argiz, gallego que emigró a Cuba donde plantó árboles que aún florecen”.
Volvendo á vida de Castro en Cuba, acudiu a un colexio de xesuitas, e logo iniciou estudos de Dereito na Universidade da Habana, onde formou parte de asociacións estudantís e uniuse ao Partido del Pueblo Cubano, que denunciaba a corrupción dos dirixentes ditatoriais da época. En 1946, participou xunto a exiliados dominicanos e habitantes doutros países latinoamericanos na intervención armada contra o entón presidente da República Dominicana, Rafael Trujillo, que resultou un fracaso.
Nesta época, Castro comeza a reunirse con dirixentes de esquerda de países latinoamericanos e participa en manifestacións contra o goberno de Ramón Grau. En 1948 casou con Mirta Díaz-Balart, estudante de familia adiñeirada cuxos pais tiñan contactos con Fulgencio Batista, qe chegaría á Presidencia no 1952 e sería derrocado polo movemento guerrilleiro de Castro.
Fidel Catro iniciou nos cincuenta o que bautizou como 'Movimiento', un grupo secreto que comezou a realizar ataques contra as forzas de seguridade cubanas e a denunciar a corrupción da clase política. No 53 lideru o ataque contra o Cuartel Moncada en Santiago de Cuba, que acabou con boa parte da organización detida e Castro sentenciado a 15 anos de prisión.
No cárcere rebautizou a organización como 'Movemento 26 de Xullo', día do ataque á base militar. Batista liberaría a Castro en 1955 e con Raúl Castro, marcharía do país ese ano e refuxiaríase en México, tempo no que estableceu unha relación de amizade con Ernesto 'Che' Guevara.
TRIUNFO DA REVOLUCIÓN
A bordo do 'Granma' partiu cara a Cuba con 80 persoas para tentar derrocar a Batista. Porén, os soldados do réxime esperábanos e a tentativa resultou fallida.
En xaneiro de 1959 anuncia en Santiago de Cuba o triunfo da Revolución que provocaría o desmoronamento do réxime. Castro convértese ese mesmo ano en primeiro ministro de Cuba. A partir dese momento comezan as reformas de corte marxista, coma a nacionalizción das industrias, o aumento do presuposto a educación e sanidade, etc. Pouco despois, o goberno estadounidense ordeou o bloqueo parcial da illa que se ampliaría tras a crise dos misís en 1962.
Desta época é a súa famosa frase:
"Empecei a revolución con 82 homes. Se tivese que facelo de novo, fágoo con 10 ou 15 e fe absoluta. Non importa o pequeno que sexa, se vostede ten fe e plan de acción".
TRANSICIÓN DE PODER
En 2006, Fidel Castro iniciou unha transición de poder cara ao seu irmán, Raúl Castro, tras sufrir unha doenza gastrointestinal que o obrigaría enn 2008 a ceder o cargo de presidente e primeiro ministro a Raúl.
Aínda que mantiña a acta de deputado no Parlamento cubano,, Fidel Castro foise retirando da vida pública, mantendo relacións con determinados dirixentes que visitaron a illa e publicando as súas reflexións nos medios do réxime, sobre todo en contra do "imperialismo" dos EUA.
Nun deses escritos dicía:
"Non somos un país capitalista desenvolvido en crise, cuxos líderes tolean hoxe buscando solucións entre a depresión, a inflación, a falta de mercados e o desemprego; somos e debemos ser socialistas"
Fidel Castro ostentaba o récord como dirixente que máis intentos de asasinato sobrevivíu, algúns autores cifranos en 600, a maioría perpetrados pola intelixencia estadounidense.