Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana a campaña de Twitter e Facebook #NonDifundasMachismo, coa que quere concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación.
A campaña #NonDifundasMachismo, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán acompañados dunha pequena explicación e do hashtag #NonDifundasMachismo.
Desde o Colexio de Xornalistas chámase a compartir os distintos chíos para visibilizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos destas prácticas sexistas usando o hashtag #NonDifundasMachismo.
O propio Colexio publica na súa conta de Twitter o exemplo de Carolina Marín, a xogadora española de bádminton que logrou a medalla de ouro nos Olímpicos de Río de Janeiro, que nalgúns medios foi "infantilizada", como explican no chío os xornalistas.
Ou estoutro exemplo de titular sexista que tamén comparte o Colexio de Xornalistas sobre o momento no que Pedro Sánchez se emocionou ao entregar a acta de deputado.
Nesta peza de información faise referencia ao aspecto físico dunha porteira de balonman en Río de Janeiro, tamén compartida polo Colexio de Xornalistas de Galicia.