Segundo o xornal La Opinión de A Coruña, os investigadores do caso Diana Quer xa localizaron o coche desde o que se cre que foi lanzado o móbil da moza á Ría de Arousa. Fixérono por medio das imaxes rexistradas polas cámaras instaladas na autovía, que amosan un coche circulando pola ponte de Taragoña á hora que se cre que foi lanzado o terminal.
Segundo o programa Espejo Público, os investigadores están a ter dificultades significativas para identificar a matrícula dada a escaseza de luz nas imaxes rexistradas, pero aínda así deron cun vehículo que circulaba sobre o viaducto e que sería o coche desde o cal foi lanzado o móbil da moza á ría e onde foi atopado recentemente por unha mariscadora.
VARIAS COMUNICACIÓNS A NOITE DA DESAPARICIÓN
As investigacións para dar co paradoiro de Diana Quer parecen avanzar grazas as datos que se puideron recuperar do móbil da moza. Segundo apuntan diversos medios nacionais, os investigadores acharon que Diana se comunicou con máis persoas das que pensaba durante a madrugada da súa desaparición.
Trataríase de persoas que non estaban relacionadas coa investigación, polo que a Garda Civil seguirá facendo pesquisas nesa nova liña, pois pode ser que a moza se citara con algunha delas. A información das mensaxes de Whatsapp non revelou só o contacto, senón tamén o contido desas comunicacións.
Apuntan, polo tanto, a que nos próximos días se podería acelerar algunha liña de investigación ou descartar outras. De momento, a búsqueda céntrase nunha distancia de 50 quilómetros ao redor do porto de Taragoña.