//@LidiaSenra


A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, chamou a "debater" sobre o "escaso papel que segue tendo a muller na esquerda que se está a construír", á vez que mostrou a súa preocupación por "compañeiros que din estar comprometidos co feminismo" pero que "non posibilitan para nada" a participación de mulleres "nos espazos de decisión".


Senra manifestou esta opinión no marco dunhas xornadas internacionais de formación para mulleres tituladas 'O feminismo, imprescindible para construír outra Europa', que se iniciou este venres no Centro Cívico A Ponte, na cidade de Ourense.


"As delegacións para negociar están formadas case sempre por homes, os representantes dos partidos políticos son homes case sempre e todo se presenta cun verniz de moverse no politicamente correcto", sinalou a eurodeputada.


"Todos eles din estar de acordo coas lexislacións de protección dos dereitos das mulleres e a favor da participación das mulleres na vida política, sindical e social", manifestou Senra, para logo engadir que "ao mesmo tempo" eses "compañeiros" actúan de forma "totalmente contraria" e "non posibilitan" a participación das mulleres nos "espazos de decisión".


"Onde estamos as mulleres no ámbito político e sindical, para participar nas mesas de negociación en pé de igualdade? En case ningunha parte. Preocúpame moito", remarcou.

POWERED BY BIGPRESS